Transxénicos en Europa
A nivel europeo, o cultivo e a experimentación con produtos modificados xeneticamente (OMG) está regulado pola directiva 18/2001, pero a introdución de transxénicos agrícolas en Europa remóntase aos anos transcorridos entre 1994 e 1998. Nesa época, a Comisión Europea deu luz verde á comercialización de diversos produtos MG, principalmente soia tolerante ao herbicida glifosato (só está autorizada a súa importación e procesado) e millo resistente a insectos (autorizado para o seu cultivo, importación e procesado) en 1999. Debido ao escepticismo da sociedade civil e a presión exercida dende os movementos sociais, ONGs e sindicatos agrarios, algúns gobernos decidiron conxelar en bloque as aprobacións de novas variedades de OMGs. Aínda así, as variedades aprobadas anteriormente seguiron comercializándose, aínda que o cultivo a escala comercial só se levou a cabo en España, coa introdución de millo MG resistente a insectos.
No 2004, a Comisión Europea aprobou un novo paquete lexislativo sobre transxénicos que endurecía o procedemento de avaliación de riscos, aínda que deixaba as decisións en mans de órganos compostos unicamente por expertos técnicos e membros da administración, elixidos á marxe da súa representatividade social. A entón ministra de medio ambiente Cristina Narbona denunciou pouco despois de acceder ao cargo a falta de estudos independentes e o vínculo entre os investigadores e as compañías produtoras de sementes durante o proceso de autorización de OMGs.
Esta nova directiva obriga a etiquetar aqueles produtos que conteñan máis do 0,9% de transxénicos en cada un dos seus ingredientes, en contra do 0,1% anterior. Este cambio foi moi criticado, pois os detractores dos transxénicos consideran o 0,9% unha porcentaxe excesivamente alta, e que indica unha presenza de elementos modificados xeneticamente no produto que vai máis alá dunha pequena contaminación accidental, que se supón é ao que se refire esta porcentaxe mínima. Ademais, esta modificación realízase deixando á marxe aqueles produtos derivados de animais alimentados con OMGs, a principal vía de entrada de transxénicos á cadea alimentaria.
Estes cambios tampouco poden asegurar a orixe non transxénica das sementes ou pensos importados polos países membros da UE, na súa maioría procedentes dos Estados Unidos, pois nos sacos que os transportan veñen mesturados as sementes ou pensos transxénicos cos naturais, con porcentaxes moi desiguais. É extremadamente difícil conseguir penso non modificado xeneticamente,debido a que a inmensa maioría de cooperativas onde se produce millo MG non separa as súas liñas de produción debido á non diferenciación de prezos. Como dato, a asociación ANTAMA asegura nun estudo que o 80% da soia importada está xeneticamente modificada.
Estes feitos englóbanse na batalla económica que están a librar a EE.UU. e a Unión Europea. Os Estados Unidos, produtores do 53% mundial de cultivos OMG, pretenden a súa introdución a gran escala no mercado europeo, argumentando que a oposición europea baséase no incumprimento da liberdade de comercio e de competencia. Para os norteamericanos, calquera prohibición á importación de produtos modificados xeneticamente debe estar baseada en danos que causen e que sexan demostrables. É dicir, tense que demostrar que os OMG´s son malos antes de ser prohibidos, en contra do principio de prudencia defendido pola UE. Para favorecer estas posturas, numerosos organismos favorables aos transxénicos sacaron informes afirmando que ningún produto transxénicos afectou até o de agora á saúde humana de forma negativa. No polo contrario pídese tempo, pois tampouco se estudaron os efectos dos transxénicos a longo prazo, podendo darse o caso de que cando se demostren estas consecuencias negativas para a saúde xa sexa demasiado tarde.
A propia Comisión Europea admitía no 2002 varios aspectos positivos dos transxénicos, aínda que se segue resistindo á súa comercialización en terreo europeo. Pero debido a esta presión dos Estados Unidos e os seus socios produtores de transxénicos (especialmente Arxentina e Canadá), no 2003 a Comisión Europea introducía o principio de coexistencia entre cultivos. Este principio foi definido pola Comisión como a liberdade dos agricultores a elixir o tipo de agricultura que desexan facer. É delimitado como un principio económico excluíndo unha vez máis do debate temas socio-ambientais ou éticos. A Comisión Europea unicamente estableceu unhas recomendacións técnicas para a súa implementación, deixando a cada estado membro a obriga de elaborar a lexislación respecto diso. Actualmente, algúns países xa aprobaron a devandita lexislación (Dinamarca, Portugal ou Alemaña) mentres outros, como é o caso de España, só fixeron públicos diversos borradores.
Debido a este principio de coexistencia numerosos agricultores ecolóxicos xa perderon a súa certificación pola contaminación xenética . Isto é porque o polen xeneticamente modificado pode voar até campos con plantacións non transxénicas. Ademais, a contaminación de cultivos convencionais con variedades transxénicas tamén pode ocorrer durante a produción, transporte, propagación e procesamiento das sementes. Non hai ningún acordo sobre a correcta distancia que ten que existir entre un cultivo tradicional e un transxénico, indo esa distancia dende os 200 m. até os 10 km. dependendo do experto. O feito de que sexa cada país membro o que ten que decidir en última instancia esa distancia tampouco favorece a elección. Bélxica, República Checa, Alemaña, Hungría, Portugal Romanía ou Eslovaquia estableceron normativas de coexistencia nacionais entre cultivos transxénicos, convencionais e ecolóxicos e noutros como España ou Reino Unido aínda se está elaborando, mentres que se prohibe o seu cultivo en Austria, Francia, Grecia, Hungría ou Italia. Os agricultores quéixanse de que se siga sementando OGMs “sen un Decreto que protexa aos produtores ecolóxicos”.
Trackbacks