Saltar al contenido

Os transxénicos en España

No caso español, a directiva 18/2001 convértese na lei 9/2003, a cal reparte as competencias na materia entre o Ministerio de Agricultura e as distintas CCAA. España é a potencia transxénica europea. En 2008 só se plantaron transxénicos en oito estados da Unión Europea e o 70% da superficie cultivada concentrouse en España. Ademais é o único estado da UE onde se permite a comercialización de transxénicos, concretamente da soia e o millo a nivel alimentario e tamén, fóra da alimentación, da colza e do algodón. Así, mentres na UE só está autorizado o cultivo de millo Bt, as importacións de soia para alimentación e as importacións de algodón para a industria téxtil, en España, onde se permite o cultivo de millo transxénico desde 1998, cultiváronse variedades como o Bt 176, retirada do mercado por incorporar un xen de resistencia a antibióticos, ou o MON 810, que se segue cultivando e que está prohibido en varios países da UE, como Francia, Alemaña ou Austria, a pesar dos intentos da Comisión Europea para levantar o seu veto. Actualmente comercialízanse en España 42 variedades de millo transxénico; todas elas conteñen este xen Mon810, patentado pola multinacional Monsanto, que cobra polos dereitos de comercialización ás diversas empresas que distribúen estas sementes, o que supón vender sementes resistentes a un herbicida concreto de forma que o agricultor que se faga coas súas sementes teña que comprar tamén o seu herbicida. Este millo tamén está a ser amplamente criticado debido ás incertezas sobre os seus riscos potenciais, xa que a súa aprobación foi anterior á revisión do procedemento de análise de riscos, e desde entón diversos estudos científicos relacionaron esta modificación coa aparición de alerxias, entre outros. O único plan de seguimento que existe é un documento entregado por Monsanto en 1995, cando a compañía solicitou a súa comercialización. Por estes motivos, varios países europeos manteñen unha moratoria nacional ao millo Mon810. Curiosamente España votou en contra do levantamento das devanditas moratorias no 2005, a pesar de que existan máis de 53.000 Ha sementadas con este millo modificado no estado español.
O Estado Español tamén lidera, despois de Francia, o número de ensaios experimentais. Entre 1996 e 2006, tiveron lugar 344 probas, das cales 317 correspondían a plantas. A maioría dos campos experimentais corresponden a millo (162), seguidos de ensaios con algodón, arroz, pataca, remolacha e tomate. Aproximadamente o 83% dos campos experimentais son levados a cabo por empresas privadas, un 8% por consorcios público-privados e un 9% por institutos públicos de investigación e universidades. Espérase que para este 2009 a superficie de cultivos transxénicos en España acade previsiblemente as 110.000 hectáreas segundo un informe do Departamento de Agricultura de Estados Unidos, das cales a maioría estarán situadas en Cataluña e Aragón, con aproximadamente un 53% e un 43% respectivamente.

Fronte a esta superficie existen as chamadas Zonas Libres de Transxénicos. Nelas non se permite o cultivo de variedades transxénicas nin se admiten alimentos manipulados xeneticamente. Na Unión Europea hai máis de 170 rexións europeas e 4.500 gobernos ou entidades locais declaráronse Zonas Libres de Transxénicos.


No caso español o parlamento negouse en 2008 a declarar o Estado español como Zona Libre de Transxénicos, aínda que tamén existen, como no caso europeo, entidades locais así declaradas. O problema das Zonas Libres de Transxénicos, é que non teñen ningún peso legal, só simbólico. Así pois, ser declarada Zona Libre de Transxénicos nin significa que ese territorio está realmente libre de transxénicos.

En resumidas contas, pódense diferenciar dúas posturas distintas e mesmo contrarias na forma de abordar os transxénicos por parte de España e a Unión Europea. Mentres os estados membros da UE móstranse máis cautelosos fronte ao cultivo e aos efectos dos OGM, mesmo situándose claramente na súa contra, España é a excepción . Non é exactamente que a UE asuma unha postura oposta á española, senón que son a maioría dos estados membros quen a asumen baixo a presión da súa opinión pública e diversos colectivos e axentes sociais. A UE comparte con España a primacía do punto de vista económico fronte ao ético ou ao da saúde. É máis, recentemente o xornal dixital The Independent sacou á luz a existencia dun plan secreto europeo para potenciar o cultivo de transxénicos, cuxo obxectivo sería  tentar acelerar a produción biotecnolóxica e introducir novos alimentos transxénicos en Europa, ademais de solucións para evitar a resistencia pública fronte aos alimentos transxénicos.
Así pois, España é o país da UE que máis transxénicos cultiva e comercializa, especialmente tras o goberno de Aznar, que no seu afán por estreitar relacións cos EEUU, lembremos o primeiro produtor e defensor dos transxénicos, promoveu o seu cultivo e importación. Pero non é unha cuestión de ideoloxías políticas, pois o propio PSOE tamén se mostra favorable aos transxénicos, votando en contra de iniciativas de limitación de transxénicos tanto no parlamento galego como catalán e mesmo español. Son os grupos de presión prol transxénicos quen máis peso teñen, apoiándose no importante peso que os OGMs teñen no noso país. Tanto é así que mesmo chegan a infiltrarse no propio goberno español, como é o caso da Ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia . Pero non só se dan estas tácticas de infiltración no caso español. A multinacional Monsanto, o verdadeiro xigante dos transxénicos, destacouse sempre por tentar e conseguir colocar a persoas afíns en postos influentes socialmente e desde os cales facilitar as súas actividades en devandita rexión.

Deja un comentario

Fill in your details below or click an icon to log in:

Logo de WordPress.com

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Cambiar )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Cambiar )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Cambiar )

Connecting to %s

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.