A invasión transxénica en Galicia
Empresas biotecnolóxicas escollen 5 municipios galegos para a experimentación
A introdución destes cultivos supón unha seria amenaza para a biodiversidade

As 8 maiores compañías farmacéuticas son as 8 maiores compañías de pesticidas e de OXM. Monsanto controla o 90% da biotecnoloxía do mundo.
Clara Sánchez/Alba Pinto/María Abelleira/Manuel Rodríguez/Xacobe Villar
Santiago de Compostela, 28 de Maio
Tan só era cuestión de tempo que os transxénicos chegaran ás nosas terras. Mentres que países membros como Alemaña, Austria ou Francia, prohibiron xa a produción de millo transxénico no seu territorio aténdose a cláusula de salvagarda, o país da Unión Europea que máis millo transxénico produce segue a ser España: o 75% do total. Nesta liña, o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño planificou 11 novos campos experimentais en diferentes enclaves españois, entre os cales figuran cinco concellos galegos: Arzúa, Chantada, Meis, Ribeira e Vilalba.
Este ministerio publicou o mes pasado na súa páxina web a listaxe de solicitudes presentadas por parte das empresas (Monsanto e Pioneer-Hi Bred) que querían introducir campos experimentais de cultivo de millo transxénico. Sen embargo, o prazo para presentar alegacións era moi curto e a fórmula elixida polo ministerio parecía querer ocultar o trámite máis que publicitalo. Os colectivos da Plataforma Antitransxénicos denunciaciaron a falla de consideración do proceso consultivo coas persoas afectadas, nomeadamente labregos, dada a calidade da conexión a internet e a complexidade informática do proceso.
No medio desta campaña de desinformación e escurantismo por parte da Administración, destaca tamén o feito de incluir Chantada entre os concellos para o ensaio destes cultivos, posto que Chantada foi un dos concellos declarados espazo libre de transxénicos. Rexeitouse a vontade do pobo sen dar máis explicacións, é algo antidemocrático pois se está a pasar por enriba das decisións dunha entidade que ten potestade no ámbito local, sinala Charo Sánchez, representante do Sindicato Labrego Galego. Isto non é unha elección, é unha imposición das empresas multinacionais avaladas polos gobernos.
Para a ministra de Agricultura, Elena Espinosa, a declaración de Galicia como espazo libre de transxénicos “non ten validez xurídica”. Por agora a plantación de transxénicos en Galicia limitouse a ensaios autorizados polo Ministerio, realizados sen o coñecemento dos concellos nos que se producían. O feito é que só o Ministerio de medio Ambiente e as empresas biotecnolóxicas coñecen a localización exacta destas plantacións. Do mesmo xeito que se ocultan estes emprazamentos, ocúltase tamén o etiquetado dos alimentos transxénicos e seguimos sen saber o que comemos.
A coexistencia é imposible
Son moitas as consecuencias que poden acarrear os transxénicos, Galicia pode acollerse ó principio de precaución que se estableceu noutros países da Unión Europea. Neles acordouse un rexeitamento total cara os ensaios en liberdade de cultivos transxénicos e unha aposta por outras alternativas como a economía agraria centrada na agricultura sustentable e a pequena escala. Está demostrado que a coexistencia da que se fala dende o Ministerio é imposible, posto que ninguén pode “poñer cancelas” para deter o polen que percorre miles de metros a polo aire ou calquera insecto polinizador que se traslade dun cultivo a outro. A contaminación da variedade transxénica sobre os cultivos ecolóxicos sería inevitable, o que significa a desaparición das variedades autóctonas. Reducirase de novo a biodiversidade, xa mermada coa anterior “revolución verde”, co gran risco que supón para os ecosistemas pois a súa capacidade para resistir ós factores adversos está directamente relacionada coa súa diversidade. Entre outros problemas, a extrema homoxeneización da produción de alimentos con cultivos transxénicos pode dar lugar ó xurdimiento de razas de pragas de insectos e malezas altamente resistentes. Este tipo de contaminación é aínda peor que a química, xa que a contaminación biolóxica ten a capacidade de multiplicarse e mutar constantemente.
Trátase dunha loita pola liberalización do medio ambiente e contra os que pretenden vulnerar o dereito humano á soberanía alimentaria. Polo tanto esta non debe ser unha loita desde un sector específico, isto é algo que nos afecta a todos. Charo recorda o movemento popular que logrou frear a Lei de Coexistencia no ano 2005 e garda esperanzas de que siga aumentando a movilización: O único xeito de paralo é que se volva unha loita de toda a cidadanía. O positivo é que cada vez hai máis xente solicitando información. Eu aínda non atopei ninguén que unha vez que coñece a realidade, considere os transxénicos algo bó.
*As principais multinacionais son Monsanto, Syngenta (antes Novartis), Dupont (á que pertence Pioneer Hi-bred), Bayer Crop Science e Dow. Monsanto, cuxas variedades cobren máis do 90% da superficie total sementada con cultivos transxénicos (segundo o seu informe anual de 2003), comenzou a aumentar a súa produción do pesticida Round Up na década dos 90, a pesar de que a patente deste herbicida a base de glifosato expiraba no ano 2000. Os transxénicos son unha nova fórmula de garantizar a venta do seu principal produto. Venden sementes resistentes a un herbicida concreto de forma que o agricultor que se faga coas súas sementes teña que mercar tamén o seu herbicida. O resto das empresas implicadas adoptaron o mesmo método (de feito o negocio de Monsanto baséase nas ventas de Roundup: a venta de semente transxénica é só o instrumento para manter e aumentar as ventas de produtos químicos de síntese.